A Fonsagrada será o primeiro concello no que se producirá o 'apagamento' analóxico

Dossieres

O primeiro apagamento analóxico de España producirase no municipio da Fonsagrada (Lugo) o próximo 5 de abril e ao evento asistirá o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, anunciou o director xeral de comunicación audiovisual, Manuel Fernández Iglesias.

Con esta iniciativa, o Concello lugués terá cobertura integral de televisión dixital terrestre (TDT) case dous anos antes da data prevista para o apagamento analóxico no resto de España, que está fixada para o 3 de abril do 2010.

Fernández Iglesias xustificou a elección deste emprazamento para o proxecto piloto de implantación da TDT por ser o municipio 'de máis extensión de Galicia' e, en teoría, o 'peor sitio' para facelo, debido á súa difícil orografía e ás súas dispersión poboacional.

Neste sentido, destacou que os 4.800 habitantes da Fonsagrada están repartidos en 200 núcleos de poboación distintos.

Actualmente, a cobertura desta poboación é do 96 por cento, aínda que Fernández Iglesias explicou que 'aínda hai que efectuar uns axustes para maximizar' o alcance da TDT.

A campaña informativa presentada foi ilustrada por Antonio Fraguas, Forges, 'un fonsagradino internacional', que colaborou 'desinteresadamente'.

A Xunta facilitará ao Concello decodificadores para que sexan distribuídos a todas as familias que non dispoñan dun e permitir así que poidan gozar desa nova tecnoloxía.

A primeira partida, que será de ao redor de mil aparellos, empezarase a repartir a partir do 10 de marzo por parte do Concello 'para que non sexa considerado dentro da campaña electoral', matizou Fernández Iglesias.

A Xunta dedicou 305.000 euros ao proxecto, que o director xeral de comunicación audiovisual considerou 'diñeiro moi ben investido', porque esta actuación, asegurou, 'beneficia a todos'.

Ao fío diso, afirmou que tiña o 'convencemento' de que se a implantación da TDT facíase correctamente na Fonsagrada, faríase ben no resto de Galicia.

O alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, considerou que esta iniciativa era 'un momento importante' para o seu Concello, xa que actualmente a cobertura da televisión 'deixaba moito que desexar'.

De feito, Fernández Iglesias explicou que a cobertura da TVG na zona era 'razoable' e a das privadas 'limitada', mentres que a TDT distribuirá 24 canles distintas na práctica totalidade dos fogares.

TERRA/EFE

Documentación