O CPXG LEMBRA QUE TEN PRESENTADO UN RECURSO NO CONSTITUCIONAL CONTRA ESTA PRAXE NOS MEDIOS PÚBLICOS
O Colexio de Xornalistas rexeita a imposición dos bloques electorais nas televisións privadas
[02/07/2010] A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) amosa a súa fonda preocupación polo anuncio da Comisión Constitucional de incluir na reforma da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral a obriga para as televisións privadas de emitir bloques electorais.
A medida, que aínda debe ser "retocada técnicamente" a través de enmendas no trámite parlamentario, obrigaralles ás cadeas a confeccionar unha sección especial sobre a campaña electoral ordenando os contidos en función dos resultados que as formacións políticas colleitaran nos anteriores comicios, e baixo a tutela da Xunta Electoral.
O CPXG considera que esta práctica de incluír por imperativo legal actos de propaganda política vai en contra da obriga democrática de separar a información da opinión e da propaganda. Conforme á Constitución Española, os titulares do dereito á información son os cidadáns e os que teñen o deber de darlle satisfacción a ese dereito son os medios de comunicación e os xornalistas.
Os criterios cos que se debe seleccionar e transmitir a información son os de relevancia e interese público e non o interese partidario. Por tanto, a relevancia e presenza que deba ter unha proposta política nun espazo informativo debe estar determinada pola transcendencia e relevancia pública de tal proposta e non pola representación parlamentaria que teña determinada formación política.
Esta nova imposición significa unha deturpación do dereito á información que se ve agravada pola práctica inadmisible dos dous partidos maioritarios que ultimamente lles impiden ás televisións gravar os seus mitins e obríganas a utilizar as imaxes que eles mesmos serven, realizadas con criterios partidarios e de propaganda, incompatibles de raíz co obrigado rigor e obxectividade do traballo do xornalista. Afonda tamén na mala praxe, tan de moda entre os políticos, de facer declaracións ós medios sen deixarlle ós profesionais exercer o seu dereito a facer as preguntas que consideren de interese.
O CPXG quere lembrar finalmente que ten presentado, xunto co Col.legi de Periodistes de Catalunya, un recurso diante do Tribunal Constitucional contra os bloques electorais nas televisións públicas e que seguirá mantendo esta firme oposición, ampliada agora ás televisións privadas, naqueles foros que considere oportunos.
Xunta de Goberno
Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia

Xosé Manuel Pereiro (decano do CPXG), Yolanda Sobero (consello de información de TVE) e Fernando González Urbaneja (presidente da APM) na presentación dun manifesto en Maio de 2009 contra os bloques electorais (Foto: Elena Hida
Outras novas