III Seminario Permanente de Comunicación e Xénero CO(M)XÉNERO

Do ao

Horario: Luns 18 e martes 19 de novembro das 16:00 ás 21:00 horas

Lugar: Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela (Avenida de Castelao, s/n)

Información de contacto:

www.estudosaudiovisuais.gal
info@estudosaudiovisuais.gal

 

O luns 18 e martes 19 de novembro a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acollerá a terceira edición do CO(M)XÉNERO, o Seminario Permanente de Comunicación e Xénero. Organizadas polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da USC, as xornadas céntranse desta volta nos eSports, un sector tradicionalmente asociado ao ocio masculino no que as mulleres veñen reclamando a súa voz como creadoras, xogadoras e comunicadoras.

A persistencia do discurso androcéntrico nos contidos, a liña editorial e as estruturas organizacionais dos medios de comunicación actuais e das industrias creativas e culturais reflicten e perpetúan unha sociedade asimétrica e disfuncional que silencia e incapacita os posicionamentos diverxentes. Pór fin a esta dinámica invalidante pasa pola necesaria construción de audiencias e colectividades formadas no pensamento crítico, capaces de analizar, deconstruír e mesmo comezar a reverter as representacións e estruturas sexistas presentes nos medios.

A terceira edición do CO(M)XÉNERO, organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais (GEA) e a Oficina de Igualdade de Xénero da USC, pon o foco na contorna dos videoxogos para observar as desigualdades e estereotipos de xénero existentes na construción de narrativas, no desenvolvemento profesional das mulleres como xogadoras, comentaristas, formadoras, creadoras e programadoras, e a súa transcendencia social. Ao tempo, aborda e analiza os escenarios de violencia recorrentes neste contexto para procurar ferramentas comunicacionais e educativas coas que comezar a mudar o espazo de xogo.

O seminario está dirixido a estudantes de comunicación, investigadoras e investigadores, profesionais e, en xeral, a todas as persoas interesadas en abordar, dende unha lectura crítica, os medios e as industrias culturais e creativas. O prazo de inscrición está aberto até o 15 de novembro.

Máis información, programa e formulario de inscrición na web do Grupo de Estudos Audiovisuais