A FEP lembra, de cara ás eleccións europeas, que "Europa precisa o xornalismo"

A Federación Europea de Xornalistas presentou para as eleccións europeas o manifesto Europa precisa o xornalismo, con "recomendacións co obxectivo de promover a liberdade de prensa, o pluralismo nos medios e o xornalismo de calidade", que a FeSP enviou aos cabezas de lista das candidaturas españolas ao Parlamento Europeo.

Con motivo das eleccións ao Parlamento Europeo, que terán lugar en toda a Unión Europea entre o 23 e o 26 de maio e que no Estado Español coinciden coas eleccións locais, a Federación Europea de Xornalistas (FEP) presenta a todas as candidaturas o manifesto Europa precisa o xornalismo, no que proporciona "recomendacións co obxectivo de promover a liberdade de prensa, o pluralismo nos medios e o xornalismo de calidade".

A FEP considera que a pesar de que a Carta dos dereitos fundamentais da UE promove a liberdade de expresión e o pluralismo dos medios de comunicación, "o xornalismo e os e as xornalistas sufren cada vez máis presións" e lembra que catro xornalistas perderon a vida na Unión Europea nos últimos dous anos, "un ataque sen precedentes contra os nosos valores".

Fronte a isto, a FEP pide aos candidatos e candidatas que apoien oito principios básicos que precisa o xornalismo europeo: O pluralismo nos medios de comunicación; a sustentabilidade financeira e o futuro do xornalismo; o xornalismo de investigación; a negociación colectiva e protección social para todos os traballadores; a confianza e responsabilidade a través dun xornalismo ético; os dereitos de autoría con contratos xustos para todos; uns medios de comunicación públicos fortes e independentes: e a seguridade no traballo. Cada un deles vai acompañado de recomendacións para a posta en marcha de iniciativas parlamentarias que garantan a súa defensa. 

A Federación de Sindicatos de Xornalistas (FeSP), un dos sindicatos que forman parte da FEP, enviou xa o manifesto aos cabezas de lista das candidaturas españolas ao Parlamento Europeo, acompañado dunha carta na que salientan que aínda que a liberdade de prensa e o dereito á información son "piares básicos para a democracia que todos os partidos afirman defender", nas campañas electorais non se fala habitualmente destes temas. 

CPXG