A FIP publica unha guía para garantir os dereitos laborais no teletraballo

Tras a transición improvisada de moitas e moitos xornalistas ao teletraballo por causa da pandemia, a FIP inicia unha campaña para promover a regulación do traballo a distancia, coa publicación dunha serie de directrices para que os sindicatos de xornalistas negocien marcos regulatorios.

Con motivo da celebración o 7 de outubro do Día Mundial do Traballo Decente, a Federación Internacional de Xornalistas (FIP) vén de publicar unha guía para os seus sindicatos afiliados, que busca garantir a protección dos dereitos laborais das e dos xornalistas que realizan teletraballo e instar aos gobernos a regular esta forma de traballo axeitadadamente. A guía encadrase nunha campaña da organización para promover a regulación do teletraballo

A guía estabelece dez principios básicos: desenvolver marcos legais nacionais, fortalecer os convenios colectivos, esixir un bo equipo de traballo, respectar o dereito a desconectar, manter a igualdade de dereitos, asegurar a seguridade no fogar, controlar e sancionar, protexer os datos, respectar os descansos do traballador ou traballadora e proporcionar un plan para abrir as salas da redacción física. 

A FIP lembra que a transición improvisada e non regulada das redaccións físicas cara ao teletraballo por causa da pandemia pode presentar oportunidades, pero tamén desafíos que cómpre abordar axiña: "Se bien a colaboración entre xornalistas nas redaccións segue a ser básica para un xornalismo de calidade, o teletraballo pode ofrecer beneficios aos traballadores e traballadoras dos medios, como o aforro de tempo, a redución dos niveles de estrés ou proporcionar flexibilidade, e pode ser beneficioso para a conciliación laboral sempre e cando estea regulado adecuadamente".

No Estado Español, o Ministerio de Traballo e Economía Social aprobou o mes pasado o Decreto-Lei 28/2020, de 22 de setembro, de traballo a distancia, que recolle unha primeira regulación do teletraballo e que entrará en vigor o vindeiro 13 de outubro

CPXG