Aberta a convocatoria para o 'Premio ao mellor Artigo Xornalístico sobre o Sector Naval'

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e a Delegación en Galicia do Colexio Oficial de Enxeñeiros Navais e Oceánicos asinaron un convenio de colaboración aproveitando os aspectos de carácter social e público que comparten. Este acordo materializouse na convocatoria do 'Premio ao mellor Artigo Xornalístico sobre o Sector Naval', publicado en prensa polos colexiados do CPXG ou polos do Colexio de Enxeñeiros Navais.
Este galardón ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo xornalístico que mellor analice o sector naval, e está dotado con 2.000 euros. Poden presentarse á convocatoria todos aqueles artigos publicados na prensa galega entre 2005 e 2006. Deberase enviar unha copia ao enderezo de correo electrónico coingaliciaa r r o b atelefonica.net ou un CD á Delegación Territorial do COIN en Galicia (Avda. de Vigo, 135, Entr. 1º, 15403 - Ferrol). O prazo para presentar os traballos remata o martes 31 de outubro ás 14.00 horas. O xurado, que estará composto por cinco profesionais de recoñecido prestixio elixidos por ambos colexios, escollerá a tres finalistas, e, entre eles, ao gañador.

O fallo farase público o 30 de novembro, e a entrega do premio realizarase nun acto a celebrar en decembro de 2006 ou xaneiro de 2007.