As televisións públicas presentan os planos de cobertura das eleccións autonómicas

A Xunta Electoral de Galicia aprobou os planos de cobertura presentados pola CRTVG e RTVE para as vindeiras eleccións do 12 de xullo. Haberá un único debate electoral cos sete principais líderes, na televisión autonómica, que está previsto para o luns 29. 

Tanto a Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) como a Radiotelevisión Española (RTVE) presentaron a pasada semana os seus respectivos planos de cobertura das próximas eleccións autonómicas galegas que se celebrarán o vindeiro 12 de xullo. Ambos os dous planos foron aprobados este sábado pola Xunta Electoral de Galicia. 

O plano de cobertura da CRTVG propón a realización dun único debate electoral entre os principais líderes, coa participación de sete forzas: PP, PSdeG, BNG, Galicia en Común, Marea Galeguista, Vox e Ciudadanos. Este debate proponse para as nove e media da noite do primeiro luns de campaña, o vindeiro día 29. Ademais, celebraríanse catro debates provinciais na televisión, retransmitidos en distinto horario pola primeira e a segunda canle da CRTVG, e outros catro, tamén provinciais, na Radio Galega. O plano recolle tamén a realización entrevistas personalizadas aos diferentes líderes políticos. 

Pola súa banda, a cobertura da RTVE non inclúe a celebración de ningún debate na televisión e a penas unha vaga referencia a esa posibilidade na radio. A corporación asegura que se propuxo un debate electoral entre os candidatos do PP, PSdeG-PSOE e BNG, "pero os principais candidatos rexeitaron esta proposta". En calquera caso, o plano recolle que "a situación sobrevida pola crise da Covid-19 impide á Corporación RTVE garantir a efectiva celebración do debate" pola necesidade de desprazar un importante equipo. No que se refire ás entrevistas, TVE propón realizalas aos líderes dos sete principais partidos no programa Los Desayunos entre o 8 e o 10 de xullo.

CPXG