Asociacións e xornalistas destacan o 'storytelling' como medio para dar a coñecer o terceiro sector no III networking do CPXG e a Fundación Barrié
Asociacións e profesionais da comunicación afondaron onte na Coruña na importancia do storytelling na comunicación do Terceiro Sector, nunha nova edición do III Networking organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Fundación Barrié. A temática deste ano xurdira dos propios debates de edicións anteriores, nos que se destacara a importancia de “contar unha historia” para a comunicación das entidades.
Esta nova edición do networking tivo lugar na sede da Fundación Barrié, coincidindo co Día Europeo das Fundacións e Doantes, unha xornada posta en marcha pola rede europea de asociacións de fundacións DAFNE, que se celebra desde o ano 2012 co obxectivo de enxalzar a función das entidades sen ánimo de lucro e dos doantes que contribúen ao bo desenvolvemento da sociedade.
A xornada abriuse coa presentación por parte do decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e de Suzana Mihalic, directora de Comunicación e Imaxe Corporativa en Fundación Barrié. González Sarria destacou a importancia de usar “novas narrativas, pegadas á realidade” nas que atopar “camiños para obter a complicidade necesaria, pero sen sensacionalismos”. A continuación, Berta García Orosa, profesora da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, presentou algunhas tendencias actuais na comunicación corporativa como o storytelling, os relatos expandidos a través de múltiples medios e plataformas ou as narrativas inmersivas que transmiten unha experiencia en primeira persona.
O cerne da xornada, porén, foi o debate entre xornalistas e membros das asociacións. Catro grupos de traballo mixtos, integrados por cinco representantes de cada un dos grupos, formáronse para debater desde a propia experiencia sobre os problemas das relacións entre ambos os dous sectores e sobre como o storytelling pode servir de ferramenta para mellorar a comunicación. Os xornalistas Belén Regueira, Angela Fernández Casal, Xaime Leiro e Elena Gallego Abad coordinaron os grupos, que posteriormente puxeron en común os seus puntos de vista de cara á redacción das conclusións, que en breve serán publicadas polos organizadores do encontro.
O networking incluíu tamén unha intervención das entidades sociais no programa Hoy por Hoy da Cadena Ser, que se emitiu en directo dende a Fundación para todas as emisoras da provincia da Coruña. O programa rematou coa actuación musical de Hugo Sainza Kanido, vinculado a unha das entidades sociais participantes, que interpretou unha canción cunha "letra optimista sobre a súa experiencia vital, escrita para recordar nos malos momentos que sempre hai ganas de loitar e de seguir vivindo".
Esta é a terceira edición dunha iniciativa que, coordinada por Suzana Mihalic e Darío Janeiro, reúne durante unha xornada e, arredor de varias mesas de traballo, a xornalistas e representantes das entidades para establecer pontes de diálogo arredor da comunicación co obxectivo último de facela más eficaz e, tal e como di o lema xeral dos encontros, Coñecerse para comprenderse. En edicións abordáronse cuestións como o papel das entidades no xornalismo social ou a comunicación no ámbito das novas tecnoloxías.
CPXG