O CPXG apadriña ao xornalista sudanés preso en Guantánamo Sami Al-Haj

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) apadriñou a Sami Al-Haj, axudante de cámara de Al Jazeera prisioneiro dos EEUU en Guantánamo desde 2002, co obxectivo de visibilizar a súa situación e de esixir a súa liberación.
O apadriñamento forma parte de unha campaña internacional que desenvolve Reporteiros sen Fronteiras (RSF) na defensa dos xornalistas encarcerados.

Sami Al-Haj foi capturado en Afganistán o 15 de decembro de 2001, e transladado á base militar estadounidense de Guantánamo en xuño do ano seguinte. Á espera de xuízo e se cargos, o traballador de Al Jazeera leva máis de cinco anos preso, sufrindo torturas constantes, sen comunicación coa súa familia, doente de cangro de garganta (para o que non recibe tratamento) e nunhas condicións que o seu avogado, Clive Stafford-Smith, describe como "peores que as de calquera 'corredor da morte' que eu visitara".

Os EEUU consideran a Sami Al-Haj un 'enemigo combatente' acusándoo sen probas de ter dirixido unha web que apoiaba o terrorismo, de tráfico de armas, de entrar ilegalmente en Afganistán e de entrevistar a Osama Ben Laden. Al-Haj chegou a Afganistán para cubrir a invasión estadounidense pouco despois de comezar a traballar para Al Jazeera. Alí foi prendido cunha orde na que figuraba o seu nome e un número de identidade falso. Sufriu torturas físicas e psicolóxicas por parte do exército dos EEUU desde a súa detención até hoxe. Foi interrogado, sempre con ameazas, máis de 130 veces e só puido ver ao seu avogado en abril de 2006, cando lle confesou que pensaba suicidarse. A súa situación, física e psicolóxica, é crítica. O CPXG asume a súa defensa e reclama a súa inmediata liberación.

O CPXG ingresou na organización internacional RSF en novembro de 2003. Daquela apariñaba ó xornalista chinés Liu Jingsheng, condenado a quince anos de cárcere e hoxe na rúa por bo comportamento. A continuación apadriñou ao sirio Massoud Hamed, detido, torturado e condenado a tres anos de prisión por fotografiar unha manifestación kurda e publicar as imaxes na internet. Foi liberado no verán de 2006.