O FOP pide ás empresas que extremen a protección dos xornalistas ante a segunda vaga da COVID-19

Ante o incremento de contaxios por coronavirus, o Foro de Organizacións de Xornalistas (FOP) fai un chamamento a todas as autoridades e á cidadanía  en xeral para que faciliten o traballo dos xornalistas e fotoxornalistas. A información sempre é precisa, pero en situacións como a actual éo máis que nunca, e os informadores deben poder traballar con liberdade e seguridade para que a sociedade estea ben informada.

Para que poidan cumprir esa tarefa, o FOP reclama ás empresas de medios de comunicación que proporcionen aos seus informadores os equipos necesarios para que poidan protexerse ante esta segunda vaga da COVID-19. Chamamos tamén aos profesionais dos medios a que, como xa demostraron durante o estado de alarma, extremen as precaucións tanto dentro como fóra das súas empresas. O traballo xornalístico é un servizo esencial para a cidadanía e la información veraz, contrastada e plural é fundamental para loitar contra a pandemia.

O FOP, nunha xuntanza mantida onte, celebra que os sindicatos, a patronal e o Goberno alcanzaran un preacordo de regulación do teletraballo. Os representantes dos traballadores deben negociar coas empresas a protección da saúde e seguridade de quen teletraballe, a desconexión dixital, o rexistro da xornada, a formación e unha compensación económica polos gastos derivados de traballar no domicilio particular, entre outros asuntos.

FOP*

* O  FOP é unha plataforma unitaria integrada polo Col•legi de Periodistes de Catalunya, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, agrupacións de Xornalistas de CCOO e UGT, Federación  de Sindicatos de Periodistas (FeSP), UPIFC-Sindicat de la Imatge e Asociación Nacional de Informadores Gráficos de Prensa y Televisión (ANIGP-TV).