Os medios de comunicación nos acordos de investidura do novo goberno de España

Repasamos os puntos relativos ao xornalismo nos acordos que levaron á investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. O aumento das desconexións galegas nos medios públicos estatais, a recepción das radios e televisións portuguesas, mudanzas no modelo de renovación do Consello de Administración da RTVE ou a creación dunha estratexia de loita contra a desinformación serán algún dos temas que marcarán o futuro dos medios nesta nova lexislatura. 

Este martes sete de xaneiro o Congreso dos Deputados, por unha axustada maioría de 167 votos a favor, 165 en contra e 18 abstencións, elixía a Pedro Sánchez como presidente do Goberno de España. Para chegar a ese resultado, o Partido Socialista Obrero Español (PSOE) tivo que conseguir acordos de investidura con até sete formacións políticas que aseguraron a conformación desta maioría simple. Entre estes acordos, alén de cuestións laborais ou de transparencia que poden afectar ao exercicio do xornalismo, existen algúns puntos que atinxen directamente aos medios de comunicación e que poden apuntar as liñas das próximas accións de goberno desta XIV lexislatura. 

Así, e no que respecta á nosa comunidade, o acordo de investidura entre o Bloque Nacionalista Galego e o PSOE, asinado a 3 de xaneiro, recolle dous puntos que afectarían á oferta informativa audiovisual en Galicia. O primeiro avoga por "recuperar horas de emisión dos medios de comunicación públicos estatais en desconexión para Galicia e na lingua galega", que se realizarían a través de Televisión Española ou de Radio Nacional de España. O segundo insta a "facilitar a execución dos acordos do Congreso e do Parlamento galego para a recepción en Galicia das radios e televisións portuguesas", unha medida que xa estaba prevista na coñecida como Lei Paz Andrade, mais que até o momento só se concretara en acordos entre a TVG e a RTP para a realización ou emisión conxunta de contidos. 

Alén diso, o documento Coalición progresista. Un novo acordo para España, asinado polo PSOE e Unidas Podemos o 30 de decembro do 2019 recolle tamén acordos relativos aos medios de comunicación. Dous deles refírense aos medios públicos estatais: o punto 2.11.1, que afirma que se promoverán "acordos parlamentarios de consenso que permitan a elección e renovación dos órganos constitucionais e organismos independentes, como no caso do [...] Consello de Administración da Radiotelevisión Española"; e o 6.4, que avoga pola defensa dun "modelo de RTVE plural, independente, pública, transparente e de calidade, que se convirta en polo de produción, orientada ao fomento e difusión da cultura española" e incide ademais en que se impulsará "a renovación do Consello de Administración mellorando o sistema de concurso público". Por último, o punto 5.9 do documento recolle que "desde o respecto escrupuloso á liberdade de expresión e información, impulsaremos unha estratexia nacional para a loita contra a desinformación, que incluirá a elaboración de guías, mellores prácticas e cursos para combater a desinformación na internet e nas redes sociais".

CPXG