Preocupación ante o posíbel tratamento informativo do "caso Gabriel"

O Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía e outras organizacións xornalísticas e xudicias fan un chamamento a compaxinar o dereito á información cunha cobertura responsábel do “caso Gabriel”, cando vai comezar a celebrarse o xuízo. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa insistiu no seu día na necesidade de respectar as recomendacións sobre casos que afecten a menores e os dereitos das persoas implicadas. 

Fronte á próxima celebración do xuízo polo “Caso Gabriel”, que vai comezar o 9 de setembro na Audiencia Provincial de Almería e para o que xa se acreditaron máis de 40 medios de comunicación, o Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía (CPPA) emitiu un comunicado no que lembra a necesidade do principio de publicidade da xustiza como garantía democrática e ao mesmo tempo fai unha chama aos profesionais da información para dar unha cobertura responsábel do proceso. O CPPA ofrécese además a actuar como interlocutor e pon a disposición das e dos xornalistas documentos como a Guía para el tratamiento informativo de los procesos judiciales ou o Informe sobre el tratamiento informatico dado por las televisiones a la desaparición y asesinato de un menor en Almería.

A chegada aos tribunais deste caso, un dos que maior atención informativa recibiu nos últimos anos, provocou tamén chamadas á precaución de outros colectivos. Así, a Federación de Asociaciones de Periodistas de España instou aos e as profesionais a respectaren os principios do código deontolóxico, lembrando tamén que a presunción de inocencia é "un principio que se relega con excesiva frecuencia en beneficio do morbo e do sensacionalismo, como vimos no tratamento informativo que algúns medios deron ao caso Gabriel". Pola súa banda, as organizacións xudiciais Asociación Profesional de la Magistratura, Asociación Judicial Francisco de Vitoria e Juezas y Jueces para la Democracia emitiron un comunicado conxunto no que expresan a súa preocupación polo tratamento informativo previo e reclaman "que se respecte a intimidade do menor e a súa familia, así como a presunción de inocencia da acusada, mediante un tratamento informativo responsábel que conxugue o dereito á información coa protección constitucional das partes intervinientes.

En relación con este caso, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia xa insistiu nun comunicado na necesidade de respectar as recomendacións sobre casos que afecten a menores. Lembrábanse daquela recomendacións que son de utilidade para un caso como este, como as Recomendacións sobre o tratamento nos medios dos casos de violencia que afecten a menores, a Guía práctica para o tratamento informativo de emerxencias, catástrofes e persoas desaparecidas ou a Guía práctica para o tratamento informativo sobre menores. Alén diso, recalcábase que as persoas acusadas dun feito delictivo non teñen suspendidos os dereitos que recoñece o Código Deontolóxico do Xornalismo Galego para toda a cidadanía e que a proliferación de especulacións, a obtención de imaxes de maneira dubidosa ou a inclusión de características étnicas ou de nacionalidade irrelevantes non son compatíbeis co bo xornalismo.

CPXG