Renovado o convenio con Yelmo Cines
A Rede de Colexios Profesionais de Xornalistas vén de renovar o convenio con Yelmo Cines polo que as colexiadas e os colexiados do CPXG poden adquirir de luns a domingo dúas entradas a prezo reducido en calquera estabelecemento desta cadena de cinemas, con salas en Galicia na Coruña, Lugo e Vigo.
En concreto, os colexiados e colexiadas poderán asistir ao cinema a un prezo de 4,50 euros por entrada nos cinemas Yelmo da Coruña (nos Rosales e no Espacio Coruña) e de 6 euros por entrada nas salas de Lugo (As Termas) e Vigo (Centro Comercial Travesía). Ademais, tamén poden adquirir entradas a prezo reducido noutras 40 salas Yelmo no resto do Estado. As entradas poden adquirirse nas billeterías e na páxina web. Tamén se aplica o desconto a través da app para móbiles, aínda que neste momento Yelmo está a tratar de resolver un problema co reconñecemento do código por esta vía.
Esta promoción non é válida para vendas anticipadas, eventos especiais ou contido +QueCine, así como tampouco se aplicará para as salas UHD, Sala Junior, 4D ou MacroXE. Para acceder ao desconto é preciso identificarse co carné do Colexio de Xornalistas e presentar o código dispoñíbel na sección Descontos da nosa web, onde tamén se poden consultar o resto de convenios asinados. Se aínda non dispós das claves para acceder aos documentos e códigos dos convenios, podes solicitalas no enderezo xornalistas@xornalistas.gal ou no teléfono 981 935 670.
CPXG