Últimos días para presentar candidaturas para impartir os obradoiros da quinta edición de Xornalismo na Escola "la Caixa"

Até as 19:00 horas do mércores 6 de novembro continúa aberto o prazo para presentar candidaturas ás seis prazas para impartir os obradoiros da quinta edición da iniciativa Xornalismo na Escola "la Caixa", convocada polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social 'la Caixa'. Seis xornalistas en paro ou en situación de renda baixa serán seleccionados para levar as xornadas didácticas sobre comunicación a alumnos de 3º e 4º da ESO.

As xornadas impartiranse nun total de 90 obradoiros para escolares de 3º e 4º da E.S.O, distribuídos entre I.E.S de toda a comunidade. Para impartir os talleres, convócanse seis prazas ás que poderán concorrer calquera colexiado ou colexiada do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia que acredite atoparse en paro. Tamén se poderán presentar colexiados ou colexiadas cunha situación de renda baixa, quedando a decisión da comisión da organización se son incluídos ou non na selección final. A comisión terá en conta a condición de parado de longa duración, o coñecemento de galego e a experiencia profesional e en docencia, sen prexuízo de valorar outras cuestións de interese. A facilidade de desprazamento será un requisito imprescindible dadas as características xeográficas do proxecto. 

Nos distintos obradoiros, estes profesionais van familiarizar os escolares galegos co funcionamento dos medios de comunicación, para que os alumnos saiban a importancia da información nunha sociedade democrática, coñezan o papel dos profesionais do xornalismo e valoren a importancia de contrastar as informacións. Tamén se pretende fomentar na xente nova o espírito crítico e contribuír a que sexan conscientes dos riscos e oportunidades que lles ofrecen as novas tecnoloxías.

As persoas interesadas en impartir as xornadas deben enviar antes das 19:00 horas do 6 de novembro o formulario de inscrición e un breve currículo por correo electrónico a xornalistas@xornalistas.gal

Máis información aquí.

CPXG