O SPA PIDE AXILIZAR A CONCESIÖN DE LICENZAS
TDT en Andalucía
[19/07/2010] O Sindicato de Periodistas de Andalucía (SPA) pediu á Xunta que axilice as licenzas de TDT local, xa que hai emisoras que ven obrigadas aínda a emitir en formato analóxico, o que supón perdas económicas e un grave prexuízo para os seus profesionais e para os cidadáns.
Nunha nota de prensa emitida o venres último o sindicato chama a atención da Xunta sobre a dificultade que están tendo numerosas televisións locais andaluzas para adaptarse ao novo panorama legal, tras a implantación da Televisión Dixital Terrestre.
Afirma o SPA, que é "preocupante" que transcorridos máis de tres meses desde o apagamento analóxico aínda haxa case medio centenar de televisións locais que non están en condicións de emitir en formato dixital.
De xeito especial, explícase na nota, están sufrindo a situación as emisoras locais que xa estaban emitindo no momento do apagamento e ata a data non puideron resolver toda a tramitación, polo que continúan emitindo en analóxico.
Nestes casos, segundo o sindicato de xornalistas, ademais do prexuízo económico para estas emisoras pola perda de publicidade, "estase causando tamén un dano aos profesionais, que realizan o seu traballo para unha audiencia mínima, e sobre todo á cidadanía, que se ve privada na práctica dun medio de comunicación próximo".
En Andalucía existen 62 demarcacións de Televisión Dixital Terrestre, nas que hai concedidas 258 licenzas, delas 186 privadas e 72 de xestión pública.
EFE