ESTA MEDIDA SUPORÍA UN GRANDE AFORRO ÁS ARCAS GALEGAS NESTA ÉPOCA DE AUSTERIDADE DAS ADMINISTRACIÓN PÚBLICAS
A CUT propon no Parlamento a Consolidación real do emprego na CRTVG mediante unha disposición transitoria única
[19/07/2010] O sindicato da CUT presentou unha proposta no Parlamento de Galicia, na rolda de comparecencias sobre a reforma da lei da CRTVG na que compara a situación dos Entes autonómicos históricos coa CRTVG.
Na ponencia saliéntanse os seguintes datos:
• A CRTVG ten o cadro de persoal máis pequeno de todas estas canles históricas. Arredor de 1000 empregados, uns 200 máis sumando o persoal das diversas delegacións. Estas cifras contrastan cos 2750 traballadores de TV3, os 1800 de Canal 9, os 1400 de ETB, os 1600 de Canal Sur ou os 1200 de Telemadrid, que por certo ten menos orzamento que a CRTVG.
• Actualmente a CRTVG é a empresa que manexa un dos menores orzamentos de tódalas televisións autonómicas. Para este ano 2010, orzamentáronselle inicialmente 136 millóns de euros, que distan moito dos 200 millóns de Canal 9, dos 239 de Canal Sur, dos 179 de ETB ou dos 480 millóns de euros cos que conta TV3.
• No referido á calidade do emprego entre as canles autonómicas históricas, compróbase como en TV3 son fixos o 92,6% dos traballadores, en Canal Sur e Telemadrid máis do 75 por cento do seu cadro de persoal e fixo, cando curiosamente, a compañía autonómica madrileña conta cun menor orzamento que a galega. A CRTVG é a empresa co índice máis alto de traballadores precarizados, o 44%.
Os representantes da CUT, que representan legalmente a unha maioría dos traballadores da CRTVG, como ven de ratificar unha sentenza da sala do social número 2 do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, presentou diversas fórmulas para solucionar o conflito laboral existente na CRTVG. Unha desas propostas pasa pola inclusión, na nova lei, dunha disposición transitoria única, que remate co nivel de precarización dos traballadores. A mayoría dos máis dos 300 traballadores que teñen demandada á CRTVG, e que están a ser indefinidos por sentenza xudicial en tribunais do social de toda Galicia, están dispostos a renunciar as cantidades indemnizatorias que lles corresponde a cambio da súa seguridade laboral. Esa proposta suporía aforrarlle ás arcas da CRTVG, dos orzamentos públicos que transfire a Xunta de Galicia, unha cifra que supera xa os 15 millóns de euros e que pode ser superior a esa cifra mentres non se chegue a un acordo. Os traballadores afectados propuxeron esta solución ante os representantes políticos dos tres partidos representados na cámara galega en vista de que na CRTVG non atopan interlocutores válidos para poder negociar unha solución que leve a paz social no Ente galego.
Asemade, a CUT propuxo ante os representantes da Comisión que estuda a modificación do marco legal da CRTVG e as súas sociedades, o impulso e creación dun canle 24 horas de información con contidos locais, galegos, nacionais e internacionais de interese para a sociedade do noso país e dende a perspectiva dos galegos e galegas, unha canle sobre o Parlamento de Galicia e unha canle exclusivamente infantil en lingua galega. O plan de Impulso da TDT Galicia está en situación de dispoñer dun novo múltiplex completo, que se pode segregar en catro canles de televisión en calidade DVD ou dúas en Alta Definición, que servirían para a posta en funcionamento destas novas inciativas que propoñen e solicitan os traballadores da CRTVG para conservar os seus postos de traballo e seguir ofrecendo contidos de calidade ós espectadores galegos.
CUT