PSOE E BNG AMEAZAN CON BLOQUEAR AS PROBAS SE A DIRECCIÓN NON NEGOCIA
O PP négase a pactar un tribunal neutral para as oposicións de CRTVG
[29/07/2010] A penúltima palabra tena hoxe o director xeral da Compañía Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo. Se a cúpula do ente público insiste en designar a dedo aos membros dos tribunais que adxudicarán os 220 empregos nos medios públicos, tanto socialistas como nacionalistas votarán en contra para frear o concurso oposición.
O comité de empresa logo de convocar unha asemblea o pasado martes anuncia que recorrerá a convocatoria ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por entender que vulnera o convenio colectivo que na súa disposición adicional oitava establece o acordo alcanzado durante a pasada lexislatura para consolidar o emprego.
Así o anunciou onte o presidente do comité interempresas, Santiago Alvite, en declaracións a este xornal. Antes os representantes dos traballadores trasladaran aos responsables de Recursos Humanos do ente a súa decisión ratificada pola asemblea o pasado luns (á que acudiron unhas 100 persoas).
Esa dobre vía, a falta de acordo no consello de administración e a denuncia nos tribunais, podería demorar aínda máis as primeiras oposicións que se celebran na radio e a televisión galega desde 1992. O pleno do consello de administración someterá a votación esta mañá dúas cuestións distintas. A primeira, precisa dunha maioría de dous terzos (e xa que logo do acordo dos representantes de PSdeG ou Bloque, ademais dos do PP) para aprobar a modificación do cadro de persoal. Aínda que a oferta é de 220 prazas, hai unhas 50 que deben ser axustadas á categoría en función dos cambios que propiciaron os procesos de promoción interna. Se PSdeG e Bloque tomban este punto da orde do día, a dirección de CRTVG só podería sacar a concurso unhas 170 prazas.
O que non terá problemas para ratificar a cúpula do ente son as bases que onte adiantou
El País e que deixan a designación de todos os membros dos dous tribunais en mans da dirección de CRTVG. Onte, nun pleno do consello de administración, os representantes de PSdeG e Bloque propuxeron outras fórmulas como elixir aos membros do tribunal nun sorteo entre profesionais dos medios públicos ou que fose o propio consello de administración onde están representados os tres partidos quen os nomease por unanimidade. Ata se propuxo que o Colexio de Xornalistas elixise a un profesional para participar no proceso. Ningunha das medidas foi aceptada polos representantes do PP, cuxo portavoz, Arturo Maneiro, negouse en redondo a pactar calquera outra fórmula que non fose a designación a dedo da dirección.
Na súa reunión coa dirección, o comité de empresa fíxolle ver á dirección que non aceptará unhas bases que rompen o acordo alcanzado pola representación dos traballadores e a dirección durante a pasada lexislatura.
"Mérito e capacidade"
Por segundo día consecutivo, a dirección de CRTVG negouse a responder ás preguntas deste diario. Aínda que o martes, alegou que non podía pronunciarse sobre as bases da oposición que consideraba "un documento interno antes de que se aprobe", onte o departamento de comunicación si emitiu un comunicado valorándoas. Na nota os xestores de CRTVG defenden "os principios de mérito e capacidade" que na súa opinión garante este proceso e aluden ao Estatuto Básico do Empregado Público que impide a representantes sindicais integrar os tribunais. Aínda que este mesmo estatuto prohibe á súa vez aos cargos políticos xulgar as probas, a cúpula de TVG non ve inconveniente en que sexa a dirección do ente (integrada por cargos políticos nomeados só cos votos do PP) quen elixa a dedo aos membros dos tribunais.
JOSÉ PRECEDO
SANTIAGO